A GALIZA COMO TAREFA – disputa sobre os tetos da vaca – Ernesto V. Souza

Uma das mais conhecidas, divulgadas e imitadas alegorias gráficas de Castelão é aquela da vaca totémica que alimentada na Galiza é chuchada até a extenuação, alimentada pelos paisanos e consumida pelos políticos, senhoritos e caciques.

Nas suas diversas representações, esta poderosa imagem pode ser em esquema a rica Galiza consumida pelo centralismo espanhol, pela sua classe político-administrativa, alto funcionariado e grande empresa, até aos limites e mantida propositadamente em estado quase cadavérico ou zumbi.

Ainda hoje boa parte do discurso nacionalista repete este tópico colonialista de que à vaca galega, sugam-lhe, ávidos, os tetos em Madrid: recursos, energia, capitais, população e por causa disto a Galiza é quase uma colónia interna da Espanha.

Mas a situação é mais complexa.

Em 16 de janeiro de 1976 Ramon de Valenzuela Otero, pronunciou uma palestra (“Historia do Galeguismo político”) na Faculdade de Económicas de Santiago de Compostela, recolhida mais tarde naquela coleção de breves que a madrilena AKAL publicava sob a chancela de Arealonguiña, dentro da sua seção Arealonga de livros galegos.

Pode ser interessante, nos tempos divididos e conflituosos que hoje passa, mais uma vez, o nacionalismo galego, lembrar a polémica que Valenzuela, de regresso do exílio e na altura ligado ao Partido Comunista (como a própria editora e o seu diretor, Alonso Montero), desatou com o papel atribuído ao Comunismo na história do nacionalismo e em especial a sua participação na propaganda e processo estatutário de 1936 e à estratégia que na altura representava o PC na Galiza.

O debate, mais que sobre história, decorria como leitura em chave política e arredor do processo estatutário que se abria no início da Transição. Paga a pena ler, neste preciso hoje, o balbordo causado, os apupos dos militantes da A.N.P.G., o debate pela imprensa e as réplicas na altura que tiveram Méndez Ferrín, Vilhar Trillo e Lopez Suevos, seguidas depois por textos e artigos de réplica na imprensa, nos que aparece até Pérez Touriño.

Longe hoje dessas polémicas, mas em cenários de crua paixão partidista, cumpre talvez recuperar uma das teses principais da palestra, que se na altura batia contra o discurso a respeito da Galiza, colónia na Espanha, hoje apresenta os matizes de uma intuição formidável e talvez mais explicativa da nossa complexa realidade.

[…] Eu nego que esa Galicia desangrada na heroica revolución social do s. xv fose asoballada por Castela.
Galicia foi asoballada, económica e culturalmente, polos propios galegos chamados nobles que, a par de ladrós, eran desleigados. Estes galegos desleigados foron os executores dos anceios centralistas de Castela.
Os servidores desta nobleza galega foron os señores que vivían na Terra e a Adeministración situada nas cidades e máis nas vilas. Completóu a ruina económica e moral de Galicia a Eirexa servil e  acomodaticia en cidades, vilas, aldeas e poderosos conventos e bispados.

A partir deste tempo perfiláronse en Galicia, dunha maneira neta e crarísima, dúas crases sociaes que parecera que viviran en dous mundos aparte. Mesmo falaban distinto.

Pra entendelo non hai máis que ir ós escritos e crónicas feitas polos que sabían escrebir que eran os que, xenéricamente, se chamaban señores, cuios escritos se fixeron en castelán. Despóis ir á tradición e recoller cántigas, ás que os eruditos pódenlle deteitar o tempo, compostas pola crás produtora que non sabía escrebir e que compoñía en galego. A esta crás social chamábaselle, xenéricamente, peisanos.
Señores e peisanos.
Dúas crases con dous idiomas diferentes.
Unha crás enraizada na terra que traballaba pra outros, analfabeta, con canles moi cativos de protesta. Cántigas que ás veces eran verdadeiros panfletos. A par de revoltas locaes illadas, non había outra cousa.
Outra crás con vontade de castelanización, con tremendo temor de seren confundidos cos que chamaban peisanos. Esta crás, amáis podente económicamente, falóu un idioma híbrido que quería sere castelán e nono era; o pobo chamóulle castrapo.
O desprecio do señorío polo idioma galego trouxo consigo o desprecio por todo canto era consustancial coa Terra.
Andando o tempo o idioma castelán foi imposto en Galicia polos señores galegos.
Esta imposición abranguéunos a eles somentes, e non abranguéu ós peisanos máis que de refreixo.
Unha loita cultural.
Unha loita cultural de crases.

Unha loita de crases cultural.
Unha forte discriminación.
Unha forte discriminación económica que o apreixa todo. Mesmo a fala.
É, coma quen di, un carro con dúas rodas desparexadas. Unha división idiomática horizontal que delimita as capas sociaes.
Houbo e hai intrés en degradar o noso idioma: Nono entendo. Non entendo o intrés en manter un complexo de inferioridade que tanto mal nos ten feito mesmo na nosa economía e mais no noso desenrolo.
Que ninguén lle bote a culpa ós casteláns, sendo que a culpa é dos propios galegos, porque aínda non atopéi ningún castelán que tivese a menos falar en galego en caso de o saber falar, e conste que os hai.
A loita cultural, a loita de crases non é contra do pobo irmán de Castela; eso sería un absurdo.  A nosa loita de crases idiomática desenrólase en Galicia e dentro de Galicia. Cousa certamente ben espranzadora pra min porque teño fe na crás traballadora.
Quererlle botar a culpa do noso atraso e desleigamento ós casteláns, ademáis de inxusto, é un xeito de escapismo ou un xeito de desenfocar a loita.

(História do Galeguismo político, AKAL, 1976, p.17-19)

Poderíamos concluir, que as elites galegas que contribuíram de antigo na construção do Estado espanhol, e mais claramente na modernidade, identificam Estado com Poder e Madrid com essa província e capital onde os galegos “espertos” têm de ir para se promover. Esse Madrid, de que chucham e em que governam, é o cume da pirâmide de poder.

Certo que essas elites também têm Galiza para veranear e lá habitam o resto dos galegos e aqueles que  mantêm as quintas de recreio dos senhores e atendem o bom funcionamento da política local. Mas enquanto essas elites não encontrarem um programa melhor, do que esse de irem para Madrid a governar, hão de continuar sugando os tetos a Madrid e veraneando na Galiza. E Madrid, para os manter, continuará chuchando os recursos e o sangue dos galegos. 

 

 

 

Leave a Reply