O labrego – poema de Manuel Maria

Sempre Galiza!

Sempre Galiza!

 

 

Manuel Maria (1929-2004)

 

 

O labrego

 

Un labrego tan só é unha cousa

que case non repousa.

Da sementeira a seitura,

pasando pela cava,

a súa vida é moi dura

e moi escrava.

Sempre trafegando,

arando,

sachando,

malhando,

gadanhando,

percurando o gando.

Sempre a olhar pró ceo

com medo e com receo.

Sempre a sementar ilusión

ponhendo na semente o corazón

pra colheitar probeza e mais tristura.

Dilhe ao labrego da beleza

da campía,

da súa fermosura

e poesia.

Dírache que sí,

que a beleza pra tí.

Pró labrego é o trabalho

o andar tocado do caralho,

o pan mouro i o toucinho.

(Múdanse de calzado ou de traxe

cando van de viaxe,

de feira ou de romaxe

e xantan, eses días, pulpo e vinho);

os eidos ciscados, minifundiados

que quér decir atomizados);

o matarse sachar de sol a sol

pra lograr seis patacas

com furacas,

catro grãos de centeo i unha col;

o dobregarse sobor dos sucos

pra pagar gabelas e trabucos;

o vivir entre esterco i animales

en chouzas case inhabitabeles.

I aguantar, aguanta e aguantar,

Agardando morrer pra descansar.



Leave a Reply